En varios días puntuais ao longo do mes realizamos un rexistro das merendas no momento do recreo. Cada alumno e alumna anota a data e o que trae para merendar, clasificándoo en diferentes categorías: froita, lácteo, bocadillo ou doces. Deste xeito, pouco a pouco van tomando conciencia do tipo de alimentos que forman parte das súas merendas.
Ao finalizar o mes, e tras completar varios rexistros, realizamos unha asemblea conxunta de reflexión. Nela comentamos como foi o mes para cada un e cada unha, analizamos os resultados e o alumnado valora as súas propias merendas rodeando a opción que mellor as describe: saudables, podo mellorar, regulares ou nada saudables.
A partir desta reflexión propoñemos retos para o mes seguinte, animando ao alumnado a introducir pequenos cambios nas súas merendas para facelas máis equilibradas e saudables.
A finalidade desta actividade é fomentar a conciencia sobre a alimentación, desenvolver o espírito crítico respecto aos propios hábitos e motivar ao alumnado a mellorar progresivamente a súa maneira de merendar mediante obxectivos sinxelos e alcanzables. Deste xeito, aprendemos que cada pequena elección conta… porque a túa merenda tamén conta.


No hay comentarios:
Publicar un comentario