PÁXINAS

jueves, 12 de marzo de 2026

Mulleres da Limia: historias que inspiran 💜

Con motivo da conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de Educación Primaria participou nunha actividade moi especial na que tivemos a sorte de contar coa visita de mulleres da Limia que compartiron con nós as súas experiencias de vida.

Durante o encontro, estas mulleres relatáronnos en primeira persoa as súas historias, ofrecéndonos unha valiosa oportunidade para escoitar e coñecer de preto o seu percorrido vital, as súas aprendizaxes e o seu papel dentro da comunidade.

Moitas delas participaron tamén no libro “Sabores e saberes”, un proxecto que recolle receitas, tradicións e lembranzas que forman parte da nosa cultura. A través deste traballo, contribúen a conservar e transmitir a memoria, os coñecementos e as tradicións da nosa terra.

Para o noso alumnado foi unha experiencia moi enriquecedora, xa que puideron coñecer referentes próximos, mulleres que, desde o seu día a día, axudaron a construír comunidade e a manter vivas moitas das nosas tradicións.

Actividades como esta permítennos dar valor á experiencia e á memoria das persoas que nos rodean, ao mesmo tempo que achegan ao alumnado exemplos reais de esforzo, sabedoría e compromiso coa cultura.





Agradecemos sinceramente a estas mulleres por compartir con nós o seu tempo, as súas historias e os seus saberes, convertendo esta xornada nun momento de aprendizaxe e encontro moi especial. 

Queremos tamén agradecer ao CDR O Viso por compartir con nós esta actividade e por facer posible este encontro tan enriquecedor para o noso alumnado.💜

No hay comentarios:

Publicar un comentario