martes, 13 de enero de 2026

Recetario viaxeiro🍌🍊🍐



No noso centro seguimos avanzando con ilusión no programa Nutriescolas, unha das iniciativas do Plan Proxecta, a través da cal estamos aprendendo a importancia dunha alimentación saudable e equilibrada como base para o benestar e a vida activa.

Dende esta sección do blog queremos ir compartindo aquilo que vamos descubrindo: hábitos saudables, curiosidades acerca dos alimentos, consellos nutricionais e actividades que nos axudan a coidarnos mellor.

Como parte deste aprendizaxe, poñemos en marcha unha nova e bonita iniciativa: O RECETARIO VIAXEIRO. Trátase dun proxecto colaborativo no que solicitamos a colaboración e participación das nosas familias, convidándoas a compartir receitas saudables, sinxelas e habituais.

Este recetario irá viaxando de familia en familia, enchéndose de propostas ricas e equilibradas, fomentando así:

-A implicación das familias na educación alimentaria.

-O intercambio de ideas e tradicións culinarias.

-O gusto pola cociña saudable dende idades temperás.

Estamos seguros de que, coa vosa colaboración, crearemos un recetario cheo de sabor, saúde e experiencias compartidas.

Grazas por acompañarnos neste camiño cara hábitos de vida máis saudables!💚🍏


Aprendemos seguridade viaria sobre rodas 🚗🚦










No colexio vivimos unha xornada moi especial dedicada á educación viaria, na que a aprendizaxe se combinou coa diversión e a actividade física.

Para esta ocasión, preparouse no pavillón un circuíto de seguridade viaria, con sinais e percorridos adaptados á idade do alumnado. Cada neno e nena trouxo da casa a súa bicicleta/patinete/patíns, o que fixo a actividade aínda máis motivadora e ilusionante para todos.

Ao longo do circuíto, o alumnado puido practicar normas básicas de circulación, aprender a respectar os sinais e comprender a importancia de desprazarse de forma segura, tanto como peóns como condutores de vehículos sen motor. Todo isto nun contorno controlado e acompañados polo profesorado.

Esta actividade non só fomentou hábitos de mobilidade segura e responsable, senón tamén  valores como o respecto, a atención e a convivencia. Sen dúbida, foi unha experiencia moi enriquecedora que gozaron moito.

Seguimos aprendendo dun xeito activo e divertido!😀🚦





Xa temos estación metereolóxica no centro 🌈🌞⛅⛆


É un pracer comunicar ás familias que xa contamos nas nosas instalacións coa
estación metereolóxica e o pluviómetro,dentro da nosa participación no programa Meteoscolas, do Plan Proxecta.

A partir deste momento comezaremos a medir e rexistrar diariamente as temperaturas máximas e mínimas, así como a cantidade de precipitación recollida co pluviómetro. Estes datos permitirannos traballar cunha información real e próxima, facilitando a observación directa e a aprendizaxe significativa do alumnado.

Grazas a este rexistro poderemos comparar os distintos meses do ano, analizar as diferenzas entre as estacións e observar como evoluciona o tempo ó longo do curso escolar.

Este proxecto achega ó alumnado ó coñecemento da metereoloxía dun xeito práctico e motivador, fomentando a curiosidade científica, a observación e o traballo con datos reais.

Seguiremos compartindo neste espazo os avances e resultados do noso traballo.

Comeza a nosa aventura metereolóxica!🌈🌞⛅⛆