viernes, 26 de septiembre de 2025

Un día de auténticos panadeiros e panadeiras no forno de Vilar de Barrio! 🍞

 


Esta semana o noso alumnado gozou dunha xornada moi especial no forno da nosa localidade. Alí puideron descubrir de primeira man o fermoso oficio da panadaría e converterse en verdadeiros panadeiros e panadeiras por un día.

Con moito entusiasmo, os nenos e nenas puxéronse mans á obra: amasaron, deron forma e prepararon deliciosos bolos de pan con chourizo, ademais de elaborar unhas galletas caseiras riquísimas que encheron o forno dun arrecendo doce e inesquecible.

Ademais de aprender acerca do proceso de elaboración do pan, tamén tiveron a oportunidade de valorar a importancia do produto local e do traballo artesanal, entendendo o esforzo e o mimo que hai detrás de cada fornada.

E, por suposto, o mellor de todo foi poder probar o resultado final: un pan saboroso e unhas galletas deliciosas que souberon aínda mellor despois de tanto esforzo compartido.






Foi unha experiencia única e enriquecedora, que nos axudou a comprender mellor como se fan os alimentos que cada día chegan á nosa mesa e a apreciar o labor das persoas que manteñen vivas as nosas tradicións.

Sen dúbida, volveremos repetir!


viernes, 19 de septiembre de 2025

Charlas con historias!!💬👴👵

Hoxe o alumnado de primaria foi ó centro de día do concello para facer entrevistas ás persoas que se atopan alí. Contáronnos cousas de cando eran pequenos, cómo era a vida antes, os seus xogos,traballos… ¡e ata algunha que outra anécdota divertida!







Grazas por acollernos, volveremos pronto!.

SESIÓNS DE IOGA





Neste curso escolar puxemos en marcha unha nova iniciativa que está a transformar a maneira de comezar as nosas xornadas: Ioga na escola. Todos os venres, antes de iniciar as actividades lectivas, todo o alumnado do centro participa nunha sesión de ioga coa que buscamos comezar o día dun xeito tranquilo, consciente e positivo.

Estas sesións de ioga convértense nun espazo compartido no que traballamos a respiración, a postura corporal, o equilibrio e a relaxación. A través de exercicios adaptados a cada idade, o alumnado aprende a escoitar o seu corpo, a controlar mellor as emocións e a centrarse no momento presente, creando así un clima de calma que se mantén ao longo da mañá.

Os beneficios do ioga no ámbito educativo son numerosos: mellora a concentración e a atención, favorece o benestar físico e emocional, reduce o estrés e axuda a fortalecer valores como o respecto, a convivencia e a cooperación. Dende o centro estamos moi satisfeitos coa acollida desta iniciativa e coa implicación de todo o alumnado, que cada venres demostra que aprender tamén pode comezar dende a calma e o coidado persoal.


lunes, 8 de septiembre de 2025

As nosas asambleas dos Luns 💬✨

 

 Nova dinámica semanal: As nosas Asembleas dos Luns

Este curso escolar damos comezo a unha nova iniciativa que nos enche de ilusión: as Asembleas dos Luns. Cada luns, todo o alumnado do centro participará nestes encontros que teñen como obxectivo mellorar a convivencia, fortalecer a cohesión grupal e dar voz a todo o alumnado nas decisións do día a día do centro.

As asembleas serán un espazo para escoitar, dialogar e compartir, no que cada persoa terá a oportunidade de expresar as súas opinións, ideas e propostas. Queremos fomentar unha comunicación respetuosa e construtiva, na que todos e todas poidamos sentirnos parte activa da nosa comunidade educativa.

Para levar a cabo esta dinámica empregaremos un elemento simbólico moi especial: o obxecto da palabra. Mentres alguén teña este obxecto nas mans, terá o turno para falar, mentres os demais escoitamos con atención. Deste xeito, aprenderemos a valorar a importancia de respectar as quendas, escoitar de verdade e compartir desde o respecto e a empatía.

As Asembleas dos Luns serán, sen dúbida, unha oportunidade marabillosa para seguir construíndo entre todas e todos un centro máis participativo, solidario e acolledor.