lunes, 8 de septiembre de 2025

As nosas asambleas dos Luns 💬✨

 

 Nova dinámica semanal: As nosas Asembleas dos Luns

Este curso escolar damos comezo a unha nova iniciativa que nos enche de ilusión: as Asembleas dos Luns. Cada luns, todo o alumnado do centro participará nestes encontros que teñen como obxectivo mellorar a convivencia, fortalecer a cohesión grupal e dar voz a todo o alumnado nas decisións do día a día do centro.

As asembleas serán un espazo para escoitar, dialogar e compartir, no que cada persoa terá a oportunidade de expresar as súas opinións, ideas e propostas. Queremos fomentar unha comunicación respetuosa e construtiva, na que todos e todas poidamos sentirnos parte activa da nosa comunidade educativa.

Para levar a cabo esta dinámica empregaremos un elemento simbólico moi especial: o obxecto da palabra. Mentres alguén teña este obxecto nas mans, terá o turno para falar, mentres os demais escoitamos con atención. Deste xeito, aprenderemos a valorar a importancia de respectar as quendas, escoitar de verdade e compartir desde o respecto e a empatía.

As Asembleas dos Luns serán, sen dúbida, unha oportunidade marabillosa para seguir construíndo entre todas e todos un centro máis participativo, solidario e acolledor. 







No hay comentarios:

Publicar un comentario