miércoles, 25 de marzo de 2026

📝 Receitas que conectan xeracións: creando o noso soporte interxeracional



Seguimos aprendendo e compartindo experiencias cunha actividade moi especial: o alumnado participou nun proxecto interxeracional no que recolleron receitas de cociña nun soporte de madeira previamente decorado.

O alumnado plasmou receitas neste soporte interxeracional receitas obtidas das historias das persoas que se atopan no centro de maiores do concello así como tamén se recollen receitas froito da conmemoración do día da Muller.

No soporte recóllense os ingredientes e o proceso de elaboración de distintos pratos, combinando tradición e creatividade, e converténdose nunha peza única que reflicte o diálogo entre xeracións e o amor pola cociña e as boas ideas culinarias.

Foi unha forma marabillosa de aprender, crear e lembrar que a gastronomía tamén une persoas e xeracións. 







viernes, 20 de marzo de 2026

🌿 Saída á natureza en Vilar de Santos


 No día de hoxe, o alumnado do noso centro realizou unha enriquecedora saída a Vilar de Santos co obxectivo de coñecer mellor a natureza da nosa contorna. Consideramos fundamental poñer en valor o que temos preto, xa que na provincia de Ourense contamos con espazos naturais cheos de beleza e oportunidades para aprender.


Durante a xornada, percorremos o sendeiro da aldea de Sada, onde puidemos observar de primeira man a riqueza da paisaxe. Ao longo do percorrido, atopamos casiñas de paxaros e tivemos a sorte de presenciar como algúns estaban a facer o seu niño, podendo incluso observar de preto os seus ovos, unha experiencia inesquecible.

A visita permitiunos tamén aprender sobre diferentes animais do noso entorno, como ras e sapos. Un dos momentos máis emocionantes foi cando puidemos ver de preto un tritón: contamos os seus dedos e descubrimos moitas das súas características, espertando a nosa curiosidade polo mundo natural.

A aventura continuou nas areneiras, onde experimentamos con prismáticos para o avistamento de aves, converténdonos por un intre en auténticos exploradores da natureza.

E, como non podía faltar, tamén desfrutamos dunha agradable merenda ao aire libre, compartindo momentos de convivencia nun entorno privilexiado.

Sen dúbida, foi unha xornada chea de aprendizaxe, descubrimentos e diversión, que nos axuda a valorar e respectar a riqueza natural que nos rodea.















miércoles, 18 de marzo de 2026

🐜 Un novo recuncho de natureza na biblioteca

 


Na nosa biblioteca escolar estreamos un novo e ilusionante recuncho dedicado á natureza: ¡xa recibimos os nosos formigueiros!

Este novo recurso convértese nunha ferramenta educativa de gran valor, xa que permite ao alumnado observar de preto o fascinante mundo das formigas. A través da súa observación, poderán aprender sobre a organización das colonias, o traballo en equipo e o comportamento destes pequenos insectos, desenvolvendo ao mesmo tempo a curiosidade científica e o respecto polo medio natural.

Ademais, este proxecto implica unha participación activa por parte dos nenos e nenas, que serán os encargados do coidado dos formigueiros. Entre as súas tarefas estará garantir as condicións adecuadas para as formigas, como achegar a humidade necesaria para o seu benestar, converténdose así en pequenos coidadores da natureza.

Este recuncho non só enriquecerá a nosa biblioteca, senón que tamén fomentará valores como a responsabilidade, o compromiso e o aprendizaxe a través da experiencia directa.

Sen dúbida, trátase dunha iniciativa apaixonante que nos permitirá seguir descubrindo e valorando o mundo natural desde dentro do propio centro.








viernes, 13 de marzo de 2026

Novo espazo sensorial de luz na Biblioteca Creativa ✨




Esta semana estreamos na nosa Biblioteca Creativa un novo recuncho pensado para a exploración, a curiosidade e a experimentación: un espazo sensorial de luz. Neste lugar, o alumnado pode descubrir como a luz transforma os materiais e crear pequenos xogos visuais cheos de cor, reflexos e movemento.




O espazo está equipado con diferentes recursos que invitan a observar e manipular. Entre eles destacan os materiais fluorescentes para luz negra, que revelan cores sorprendentes cando se iluminan con esta luz especial. Figuras, pezas traslúcidas e obxectos fluorescentes permiten experimentar e comprobar como cambian os tons e as formas segundo a iluminación.





Outro dos elementos que máis chama a atención é o espello infinito, que crea un efecto visual fascinante no que as luces parecen multiplicarse sen fin. A través del, o alumnado pode explorar conceptos como a reflexión e a percepción visual dun xeito lúdico e sorprendente.


Completando o ambiente, contamos tamén cunha lámpada de peixes con burbullas, que achega movemento, cor e unha atmosfera relaxante. As luces e o suave ascenso das burbullas crean un ambiente tranquilo que invita á observación e á calma, favorecendo tamén momentos de concentración e benestar.


Este novo espazo nace co obxectivo de estimular os sentidos, fomentar a curiosidade científica e promover a aprendizaxe a través da experimentación. A luz convértese así nunha ferramenta para descubrir, crear e imaxinar.

Na Biblioteca Creativa seguimos abrindo portas a novas formas de aprender… explorando, tocando e deixando que a curiosidade ilumine cada descubrimento. 💡

jueves, 12 de marzo de 2026

Sabores e saberes🥘🍞

 No día de hoxe quixemos conmemorar o Día da Muller dunha forma moi especial: recibimos a visita de mulleres de A Limia que nos contaron sobre as súas receitas tradicionais e costumes da nosa contorna 

Os nenos e nenas puideron escoitar historias reais, descubrir ingredientes e pratos de sempre, e aprender como a cultura e a cociña van da man. Foi unha actividade moi interesante, na que todos descubrimos que a tradición culinaria tamén nos conecta con persoas, historias e momentos especiais da nosa comunidade 🌿❤️.

Grazas a todas as mulleres que nos ensinaron que aprender sobre cociña e tradición pode ser divertido e inspirador para todos! 👩‍🍳✨










Reorganizamos a nosa biblioteca 📚


Nos últimos meses, o profesorado estivo traballando na reorganización da colocación dos libros da nosa biblioteca co obxectivo de facer este espazo aínda máis accesible e funcional para todo o alumnado.

Para levar a cabo esta tarefa seguimos o modelo da CDU adaptada ás bibliotecas escolares de Galicia (Clasificación Decimal Universal), un sistema que organiza os libros segundo a súa temática. Este modelo utiliza o coñecido sistema dos “autobuses”, no que cada número representa unha gran área de coñecemento: natureza, ciencia, arte, historia, literatura, entre outras. Grazas a esta organización, os libros quedan agrupados por temáticas, o que facilita moito a súa busca e permite que o alumnado poida orientarse mellor dentro da biblioteca.

Un dos grandes beneficios desta nova colocación é que favorece a autonomía do alumnado. Agora resulta máis sinxelo atopar libros sobre un tema concreto e tamén devolvelos ao lugar correspondente despois da lectura.

Pensando especialmente no noso alumnado máis pequeno, creamos tamén etiquetas con apoios visuais que acompañan a cada sección. Deste xeito, mesmo sen saber ler completamente, poden identificar as diferentes temáticas e escoller libros que lles interesen. Ademais, estas referencias visuais axúdanlles a saber onde deben colocar os libros cando rematan de utilizalos.

Para presentar esta nova organización, reunímonos todos e todas na nosa biblioteca. Durante o encontro, o alumnado de primaria encargouse de facer un recordatorio do funcionamento da biblioteca, explicando as normas de uso, os diferentes espazos e algúns dos recursos que podemos atopar nela.

Tamén aproveitaron a ocasión para explicar aos compañeiros e compañeiras máis pequenos esta nova reorganización, amosando como están colocados agora os libros e como podemos buscar as diferentes temáticas.




Foi un momento de aprendizaxe compartida no que o alumnado maior exerceu de guía, axudando aos máis pequenos a coñecer mellor este espazo tan importante do centro.

Con esta nova organización, a nosa biblioteca convértese nun lugar aínda máis accesible, ordenado e pensado para que todos e todas poidamos descubrir novas lecturas con facilidade. 📖✨