sábado, 9 de marzo de 2024

8 DE MARZO DÍA INTERNACIONAL DA MULLER - OBRADOIRO DE IGUALDADE CO CDR O VISO DE LODOSELO.

 O 8 de marzo recordamos que cada día do ano debe estar marcado pola igualdade e polo recoñecemento dos dereitos da muller, polo que este día sería mellor que non existira. Oxalá non fixera falta esta conmemoración. Ó longo dos anos temos avanzado moito, pero debemos seguir traballando en prol da igualdade e desde Bibliomaraña así o estamos facendo.

Participamos no concurso de carteis do 8 de marzo convocado pola Consellería de Igualdade en colaboración coa Consellería de Educación. Non tivemos a sorte de gañar, enviamos os nosos parabéns ós centros seleccionados, pero estivemos encantados de participar e lucimos con orgullo e sentimento o noso cartel.

Nestes días, coñecemos a vida e obra de diferentes mulleres importantes. O alumnado dos primeiros cursos de primaria traballou a igualdade no deporte, investigaron sobre moitas deportistas, elaboraron códigos QR que foron colocados na árbore da igualdade para que toda a comunidade educativa os poda escanear cando o desexe.




O alumnado de infantil traballou a igualdade a través das mulleres máis importantes para eles e para o seu desenvolvemento como persoas. Colorearon fichas, fixeron un libriño e un pequeno vídeo no que explicaban o por qué da importancia destas mulleres.



Algúns alumnos e alumnas, pola súa propia iniciativa apareceron con panos morados, camisetas reivindicativas ou co seu propio cartel para a ocasión.

Tivemos a sorte de contar, un ano máis cun grupiño de voluntarios/as do CDR O Viso, entre eles Andrés, cantareiro e pandereteiro, que se achegaron ó noso centro para reflexionar sobre a igualdade a través da música. Analizamos letras orixinais de cantigas galegas e vimos que tiñan unha linguaxe moi machista, amenazadora, sexista, autoritaria; en definitiva, chea de agresións verbais... o que fixemos foi buscar as palabras axeitadas para cambiar esas letras por outras fermosas que nos gustaran máis e non lle faltaran á muller  polo feito de ser muller. Amosamos o antes e o despois da letra dunha desas cantigas populares.
Deixámosvos algunhas fotos deste proceso de transformación deda letra:





E, por suposto, para rematar o obradoiro orgullosos do proceso, alumnado, profesorado, monitores e monitoras, cantamos a nova versión da cantiga. Preme na imaxe para ver e escoitao vídeo. 


Foi unha xornada inesquecible, desfrutámola moito.

MOITAS GRAZAS, CDR O VISO e colaboradores, por compartir con nós o voso bo facer e axudarnos a loitar por unha boa causa: A IGUALDADE e un mundo máis xusto, sen estereotipos de xénero.










No hay comentarios:

Publicar un comentario