lunes, 27 de abril de 2026

A maxia vive nos contos📚✨🌈📖

 

Con motivo da celebración da Semana do Libro, no noso centro levamos a cabo unha fermosa iniciativa para fomentar o gusto pola lectura e compartir historias entre o alumnado.

Ao comezo da semana inauguramos un novo espazo no patio escolar, denominado "A maxia vive nos contos", unha zona especialmente creada para converter a lectura nunha experiencia atractiva e acolledora. Para a súa posta en marcha adquirimos diferentes recursos e elementos decorativos que transformaron este recuncho nun lugar cheo de fantasía, imaxinación e ganas de ler.

Durante os recreos, este espazo converteuse no escenario dunha serie de contacontos dirixidos polo alumnado de Educación Primaria, que compartiu con entusiasmo diferentes historias cos compañeiros e compañeiras máis pequenos. Grazas á súa implicación, os recreos enchéronse de contos, aventuras, personaxes sorprendentes e momentos de convivencia arredor da lectura.

Esta actividade permitiu promover a lectura dun xeito lúdico e participativo, favorecendo a interacción entre alumnado de distintas idades e reforzando o papel dos libros como fonte de aprendizaxe, diversión e creatividade.

A estrea de "A maxia vive nos contos" foi todo un éxito e converteuse nun punto de encontro onde as historias cobran vida e a imaxinación non ten límites.






viernes, 24 de abril de 2026

🐞🎭🎶Xoaniña creativa🎶🎭🐞

Hoxe o noso cole encheuse de música, teatro e, sobre todo, de moitas ganas de pasalo ben coa visita de Xoaniña Creativa.

Durante o obradoiro, o alumnado converteuse no verdadeiro protagonista: cantou, riu, bailou e participou con moito entusiasmo en todas as propostas. Foi unha actividade moi divertida na que non faltaron as sorpresas nin os momentos para compartir e aprender a través da música e do xogo teatral.

E, para poñer o broche de ouro á xornada, os nenos e nenas puideron experimentar con diferentes instrumentos musicais, manipulándoos, descubrindo os seus sons e gozando como auténticos músicos e músicas.

Foi unha mañá chea de alegría, creatividade e ilusión que, sen dúbida, deixará un fermoso recordo en todos e todas. Grazas, Xoaniña Creativa, por facernos vivir unha experiencia tan especial!








martes, 7 de abril de 2026

💪 Retos no recreo para conmemora o Día da Saúde 🏃‍♀️



No noso cole quixemos conmemorar o Día da Saúde dun xeito moi especial… e tamén moi divertido! Durante o recreo organizamos unha serie de retos físicos nos que o alumnado puido poñer a proba a súa enerxía, habilidade e, sobre todo, as ganas de pasalo ben.

Saltos, carreiras, probas de equilibrio e pequenos desafíos fixeron que o patio se enchese de movemento, risas e moita emoción. Cada reto era unha oportunidade para superarse, animar aos compañeiros e gozar dun tempo de lecer activo e saudable.













A participación foi fantástica e o ambiente, inmellorable. Sen dúbida, unha maneira estupenda de lembrar o importante que é coidar do noso corpo mentres nos divertimos.

Repetiremos seguro! 🎉

Somos un equipo: dinámica de cohesión🧩🤝💙


 Dentro da sección de Convivencia, levamos a cabo unha dinámica de cohesión moi especial chamada “Nesta clase todos encaixamos”, coa que traballamos o coñecemento mutuo e o sentimento de grupo.

Cada neno e nena decorou unha peza dun puzzle con información persoal: o seu animal favorito, a comida preferida, a súa cor favorita, a data de aniversario e a letra inicial do seu nome. Deste xeito, cada peza converteuse nun reflexo da súa identidade e da súa forma de ser.

Unha vez completadas todas as pezas, comezamos unha segunda parte da actividade na que se repartiron ao azar pezas doutros compañeiros e compañeiras. A partir de cada unha delas, fomos expoñendo e descubrindo información sobre o resto do grupo, establecendo conexións e semellanzas entre todos e todas.

Esta experiencia permitiunos comprobar que, aínda sendo diferentes, temos moitas cousas en común e que cada persoa achega algo valioso ao grupo. Comprendemos que todos e todas estamos conectados e que formamos un equipo no que cada peza é importante.

Unha actividade moi significativa que reforzou a cohesión do grupo e o sentimento de pertenza á aula. 












miércoles, 1 de abril de 2026

🤝🍫 Tempo de compartir: obradoiro interxeracional de Pascua

 

Dentro da nosa sección de “Tempo de compartir”, na que realizamos actividades interxeracionais en colaboración co Centro de Día, gozamos dunha xornada moi especial chea de convivencia, aprendizaxe e moita ilusión.

Nesta ocasión, pequenos e maiores uníronse para elaborar unhas fermosas cestas con ovos de chocolate de Pascua. Foi un traballo en equipo no que compartiron conversas, risas e momentos moi emotivos, creando xuntos uns agasallos cheos de cariño.

Os maiores do Centro de Día entregáronlles despois estas cestas ao alumnado como detalle na semana de Pascua, facendo que a actividade fose aínda máis significativa e especial para todos e todas.

Estas experiencias interxeracionais permítennos fortalecer os lazos entre xeracións, fomentar o respecto mutuo e descubrir a riqueza que existe cando compartimos tempo e vivencias.

Sen dúbida, foi unha actividade doce... non só polos ovos de chocolate, senón tamén por todo o que aprendemos e compartimos xuntos.