Con moita ilusión iniciamos o programa Nutriescolas co alumnado de Educación Infantil durante o curso 2025/2026.
Este proxecto ten como finalidade promover hábitos de vida saudables desde as primeiras idades, fomentando unha alimentación equilibrada, o consumo de produtos frescos e de tempada, a práctica de actividade física e o coidado da saúde como parte da vida cotiá.
Ao longo do curso, os nenos e as nenas participarán en diversas actividades adaptadas á súa idade: obradoiros, contos, xogos, experiencias sensoriais, propostas de experimentación e retos saudables que lles permitirán descubrir os alimentos, coñecer a súa orixe e comprender, dunha maneira lúdica e significativa, a importancia de manter uns bos hábitos de alimentación e de vida.
Nutriescolas tamén pretende implicar ás familias neste proceso, xa que a adquisición de hábitos saudables é unha responsabilidade compartida entre a escola e o fogar. A través da colaboración entre ambos os ámbitos, contribuiremos a que os nosos pequenos e pequenas medren con ferramentas que favorezan o seu benestar presente e futuro.
Neste espazo do blog iremos compartindo as actividades, experiencias e aprendizaxes que vivamos ao longo do curso dentro do programa. Agardamos que sexa unha xanela aberta á nosa aula e que vos permita acompañarnos nesta aventura.
Comezamos Nutriescolas 2025/2026 con moitas ganas de aprender, descubrir e medrar de maneira saudable!

No hay comentarios:
Publicar un comentario