Para comezar, mantivemos unha pequena conversa na aula na que cada neno e cada nena puido pensar e compartir quen é a muller máis importante para el ou para ela e por que. Xurdiron nomes moi significativos: nais, avoas, irmás, tías… mulleres que forman parte do seu día a día e que son referentes de coidado, apoio e cariño.
Despois deste momento de reflexión, o alumnado realizou un debuxo da súa muller referente, plasmando no papel esa persoa tan especial. Para completar a actividade, colocaron o seu debuxo nun pequeno cadro elaborado con depresores, que previamente decoraron con flores violetas.
Estas flores representan as sempre vivas, un símbolo moi ligado ao 8M, que nos lembra a importancia de manter vivos valores como a igualdade, o respecto e o recoñecemento ao papel das mulleres na sociedade.
O resultado foi unha fermosa colección de cadros cheos de significado, nos que cada debuxo conta unha historia e reflicte o cariño e a admiración que o alumnado sente polas súas mulleres referentes.
Unha actividade sinxela, pero chea de emoción, que nos permitiu celebrar o 8M poñendo en valor ás mulleres que forman parte das nosas vidas. 💜







No hay comentarios:
Publicar un comentario