viernes, 20 de marzo de 2026

🌿 Saída á natureza en Vilar de Santos


 No día de hoxe, o alumnado do noso centro realizou unha enriquecedora saída a Vilar de Santos co obxectivo de coñecer mellor a natureza da nosa contorna. Consideramos fundamental poñer en valor o que temos preto, xa que na provincia de Ourense contamos con espazos naturais cheos de beleza e oportunidades para aprender.


Durante a xornada, percorremos o sendeiro da aldea de Sada, onde puidemos observar de primeira man a riqueza da paisaxe. Ao longo do percorrido, atopamos casiñas de paxaros e tivemos a sorte de presenciar como algúns estaban a facer o seu niño, podendo incluso observar de preto os seus ovos, unha experiencia inesquecible.

A visita permitiunos tamén aprender sobre diferentes animais do noso entorno, como ras e sapos. Un dos momentos máis emocionantes foi cando puidemos ver de preto un tritón: contamos os seus dedos e descubrimos moitas das súas características, espertando a nosa curiosidade polo mundo natural.

A aventura continuou nas areneiras, onde experimentamos con prismáticos para o avistamento de aves, converténdonos por un intre en auténticos exploradores da natureza.

E, como non podía faltar, tamén desfrutamos dunha agradable merenda ao aire libre, compartindo momentos de convivencia nun entorno privilexiado.

Sen dúbida, foi unha xornada chea de aprendizaxe, descubrimentos e diversión, que nos axuda a valorar e respectar a riqueza natural que nos rodea.















No hay comentarios:

Publicar un comentario