jueves, 12 de marzo de 2026

Reorganizamos a nosa biblioteca 📚


Nos últimos meses, o profesorado estivo traballando na reorganización da colocación dos libros da nosa biblioteca co obxectivo de facer este espazo aínda máis accesible e funcional para todo o alumnado.

Para levar a cabo esta tarefa seguimos o modelo da CDU adaptada ás bibliotecas escolares de Galicia (Clasificación Decimal Universal), un sistema que organiza os libros segundo a súa temática. Este modelo utiliza o coñecido sistema dos “autobuses”, no que cada número representa unha gran área de coñecemento: natureza, ciencia, arte, historia, literatura, entre outras. Grazas a esta organización, os libros quedan agrupados por temáticas, o que facilita moito a súa busca e permite que o alumnado poida orientarse mellor dentro da biblioteca.

Un dos grandes beneficios desta nova colocación é que favorece a autonomía do alumnado. Agora resulta máis sinxelo atopar libros sobre un tema concreto e tamén devolvelos ao lugar correspondente despois da lectura.

Pensando especialmente no noso alumnado máis pequeno, creamos tamén etiquetas con apoios visuais que acompañan a cada sección. Deste xeito, mesmo sen saber ler completamente, poden identificar as diferentes temáticas e escoller libros que lles interesen. Ademais, estas referencias visuais axúdanlles a saber onde deben colocar os libros cando rematan de utilizalos.

Para presentar esta nova organización, reunímonos todos e todas na nosa biblioteca. Durante o encontro, o alumnado de primaria encargouse de facer un recordatorio do funcionamento da biblioteca, explicando as normas de uso, os diferentes espazos e algúns dos recursos que podemos atopar nela.

Tamén aproveitaron a ocasión para explicar aos compañeiros e compañeiras máis pequenos esta nova reorganización, amosando como están colocados agora os libros e como podemos buscar as diferentes temáticas.




Foi un momento de aprendizaxe compartida no que o alumnado maior exerceu de guía, axudando aos máis pequenos a coñecer mellor este espazo tan importante do centro.

Con esta nova organización, a nosa biblioteca convértese nun lugar aínda máis accesible, ordenado e pensado para que todos e todas poidamos descubrir novas lecturas con facilidade. 📖✨

No hay comentarios:

Publicar un comentario