Con motivo da celebración da Semana do Libro,
no noso centro levamos a cabo unha fermosa iniciativa para fomentar o gusto
pola lectura e compartir historias entre o alumnado.
Ao comezo da semana inauguramos un novo espazo no
patio escolar, denominado "A maxia vive nos contos", unha zona
especialmente creada para converter a lectura nunha experiencia atractiva e
acolledora. Para a súa posta en marcha adquirimos diferentes recursos e
elementos decorativos que transformaron este recuncho nun lugar cheo de
fantasía, imaxinación e ganas de ler.
Durante os recreos, este espazo converteuse no
escenario dunha serie de contacontos dirixidos polo alumnado de Educación
Primaria, que compartiu con entusiasmo diferentes historias cos compañeiros
e compañeiras máis pequenos. Grazas á súa implicación, os recreos enchéronse de
contos, aventuras, personaxes sorprendentes e momentos de convivencia arredor
da lectura.
Esta actividade permitiu promover a lectura dun
xeito lúdico e participativo, favorecendo a interacción entre alumnado de
distintas idades e reforzando o papel dos libros como fonte de aprendizaxe,
diversión e creatividade.
A estrea de "A maxia vive nos contos" foi todo un éxito e converteuse nun punto de encontro onde as historias cobran vida e a imaxinación non ten límites.





No hay comentarios:
Publicar un comentario