martes, 2 de abril de 2024

2 ABRIL - DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL

 Dende Bibliomaraña queremos destacar este día xa que, os libros, ademais de fonte de entretemento son unha poderosa ferramenta para enriquecer a vida do noso alumnado, fomentando a creatividade, a imaxinación e o pensamento crítico.

Amosámosvos a mensaxe e o cartaz que a representa, que este ano nos chega dende Xapón para a infancia do mundo, traducida a moitas linguas para a súa difusión internacional, e por suposto, colaboramos en difundir.

 A ilustradora Nana Furiya foi a encargada de elaborar o cartel deste ano 2024 en colaboración coa escritorEiko Kadono, autora da mensaxe:  

Sobre as alas, os contos viaxan. Desexando sentir o latexo do teu corazón.

Son o Conto Viaxeiro. Vou voando a calquera sitio.

Ás veces vou nas alas do vento. Outras, nas alas das ondas.

E outras nas aliñas dun gran de area.

Por suposto, tamén subo nas alas das aves migratorias.

E, de cando en vez, incluso nas dos avións.

Despois, sento ao teu carón, abro as miñas páxinas e cóntoche a historia que queiras.

Quizais unha historia fantástica?

Ou prefires unha historia triste? De medo?

Unha para rir ás gargalladas?

E se polo de agora non queres escoitar ningunha, non pasa nada.

Seguro que algunha vez terás ganas. Daquela, chámasme. Non tes máis que dicir:

«Conto Viaxeiro, ven aquí!», e irei voando ao teu lado.

 

Teño historias a moreas.

A historia dunha illa que, farta de estar soa e aburrida, aprendeu a nadar para facer amizades...

Ou a dunha misteriosa noite en que apareceron dúas lúas...

E aquela de cando Papá Noel se perdeu...

 

A ver? Si, si, seica estou oíndo latexar o teu corazón!

Bom, bom! Bum, bum! Pumba, pumba!

Iso é que o Conto Viaxeiro está dentro de ti e fai soar as campás do teu corazón.

Seguro que a próxima vez es ti o Conto Viaxeiro e desexarás ir de viaxe!

E deste xeito, no mundo nacerá un novo Conto Viaxeiro. 



No hay comentarios:

Publicar un comentario