
§ Calendario de sementeira: preparando a nosa futura horta escolar
§ Dentro do
programa Nutriescolas do Plan Proxecta, desenvolvemos unha
actividade moi especial coa que comezamos a dar os primeiros pasos cara á
creación dunha futura horta escolar.
§ A partir da
lectura do conto Tempo de colleita, de Marta Vilar e Víctor Visa,
reflexionamos sobre os ciclos da natureza, as estacións e a importancia de
coñecer os momentos axeitados para sementar e recoller cada cultivo.
§ Como produto
final, elaboramos un calendario de sementeira empregando un soporte
circular de madeira. Nel representamos os meses do ano e as distintas
estacións, incorporando información sobre as hortalizas e plantas que se poden
sementar en cada época. Esta tarefa permitiunos comprender que cada cultivo ten
o seu momento e que respectar os ritmos da natureza é fundamental para obter
boas colleitas.
§ Ademais,
aproveitamos a actividade para comezar a planificar a nosa futura horta
escolar. Analizamos diferentes espazos do centro para valorar a súa posible
localización, tendo en conta aspectos como a luz solar, o acceso á auga e a
facilidade de coidado. Tamén investigamos e identificamos as ferramentas e os
materiais que serían necesarios para poñer en marcha este proxecto.
§ Con esta experiencia achegámonos ao mundo da agricultura sostible, aprendemos a importancia da planificación e demos os primeiros pasos para converter a horta escolar nun futuro recurso educativo que nos permita seguir aprendendo sobre alimentación saudable, respecto polo medio ambiente e traballo colaborativo.

No hay comentarios:
Publicar un comentario