Dentro das actividades do programa Nutriescolas
do Plan Proxecta, levamos a cabo a proposta “Sementes saudables”,
unha experiencia que nos permitiu achegarnos ao mundo das plantas e comprender
a importancia dos alimentos de orixe vexetal na nosa alimentación.
A actividade comezou coa lectura do conto A
colleita de Ratiño, que serviu como punto de partida para descubrir
como medran os alimentos que consumimos. Inspirados pola historia, o alumnado
plantou sementes de faba en sementeiros e comprometeuse a coidalas durante todo
o proceso de crecemento.
Ao longo das semanas, os nenos e nenas
encargáronse de regar as súas plantas e observar os cambios que se ían
producindo. Ademais, realizaron un rexistro das diferentes fases do ciclo de
vida da planta, anotando as datas máis importantes e observando a evolución
desde a semente ata a aparición das primeiras follas e o desenvolvemento da
planta.
Esta experiencia permitiunos traballar a
observación, a responsabilidade e a paciencia, ao tempo que coñecemos mellor o
ciclo vital das plantas e a relación entre a natureza e a alimentación
saudable.
Foi unha actividade moi enriquecedora que nos axudou a comprender que detrás de cada alimento existe un proceso de crecemento e coidado que debemos valorar e respectar.



.jpg)




No hay comentarios:
Publicar un comentario